Tuesday 23 de April de 2024

Beatriz Mato invita aos empresarios do Polígono de Agrela a apostar pola economía circular como fonte de oportunidades de emprego verde


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recordou que a Xunta coordinará, xunto con Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de economía circular e fondos europeos da Rede de Autoridades Ambientais

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, invitou aos empresarios da Asociación do Polígono de Agrela a apostar pola economía circular como ferramenta para crear novas oportunidades de negocio e emprego verde, unha das súas grandes vantaxes, xunto co potencial para resolver os retos ambientais.

Mato Otero celebrou unha reunión co presidente da Asociación de empresarios de Agrela, José Antonio López López, ao que lle trasladou que Galicia vén de ser nomeada coordinadora, xunto con Cataluña e Valencia, dun grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente.

A responsable de Medio Ambiente invitou aos empresarios de Agrela a trasladar as súas inquedanzas e iniciativas en relación con esta materia, para presentalas neste grupo de traballo que acordará as posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

Tal e como manifestou a conselleira, a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular; polo que Galicia debe ser parte activa neste eido e propor iniciativas que aposten por este modelo para a xestión dos residuos. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.

Mato Otero indicou que fronte ao modelo lineal de recoller, fabricar e tirar, a Xunta está concienciada en impulsar a economía circular; unha alternativa na que o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcese ao mínimo. Ao mesmo tempo, potenciase que os recursos se conserven dentro da economía e cando o produto chega ao final da súa vida útil, co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

Así, os produtos alongan a súa vida útil no mercado, mediante o ecodeseño, a reparación, reutilización e finalmente a correcta xestión como un subproduto útil. O uso dos residuos como materias primas secundarias permite un uso menos intensivo dos recursos naturais e evita o seu depósito en vertedoiro.

A conselleira defendeu que é preciso establecer un diálogo e escoitar as inquedanzas do empresarios, así como trasladas os retos que se formulen para tender pontes cara futuras colaboracións na xestión dos residuos, como manter as xornadas formativas e informativas, a implantación de melloras técnicas dispoñibles en xestión de residuos e campañas para a sensibilización para a redución do uso de bolsas comerciais dun só uso.

Tamén salientou o grado de compromiso e de concienciación dos empresarios deste polígono, con máis de 300 empresas, polo traballo na xestión dos residuos, xa que o ano pasado levou a cabo unha revisións, rúa a rúa, da dotación de contedores de orgánico e inorgánico, repoñendo os que estaban deteriorados.